Pintura mural

As paredes e teitos das diversas habitacións da casa, decorábanse con pinturas murais. Aínda que son frecuentes os achados de pintura mural en Lugo, o estado fragmentario no que se atopan, debido ao grao de destrución das estruturas de soporte ou muros, apenas permite reconstruír esquemas e composicións decorativas. Non obstante, son frecuentes os fragmentos pictóricos con decoracións en bandas de cores vivas moi contrastadas ou, máis ben, grises e ocres de coloridos menos intensos.

Predominan os motivos xeométricos, que se corresponden a faixas de separación e de encadramento no interior dos paneis; pero tamén coñecemos amplas mostras de motivos que imitan os diferentes tipos de mármores (asociados frecuentemente aos zócolos das paredes) ou composicións de temática vexetal e floral, como as magníficas decoracións da Casa dos Mosaicos, parte das cales puideron ser recuperadas e restauradas. A riqueza cromática e o excelente acabado da meirande parte das mostras recuperadas proban a existencia en Lucus Augusti dun equipo de pintores que dominaban perfectamente as técnicas de decoración e coñecían as modas que imperaban no resto do Imperio. Por outra banda, un dos conxuntos senlleiros de pintura romana, de época tardía, está no medio rural: na parte baixa do monumento de Santalla de Bóveda.

003
018
021
025