| Materiáis de construción |
|
Os materiais de construción utilizados nos edificios de Lucus Augusti eran realmente variados. A principal materia prima básica era a lousa local, empregada de forma xeneralizada para a construción de muros e tabiquería. O emprego do granito resulta bastante selectivo, sendo os elementos arquitectónicos (columnas, limiares, linteis e cornixas) onde máis profusamente se utiliza. O emprego do mármore apenas é testemuñal, fronte á presenza deste material noutras cidades de similar cronoloxía, empregándose fundamentalmente mármore procedente das canteiras locais da contorna (O Incio). O ladrillo, coas súas diversas tipoloxías e formas, reservábase para a construción de columniñas e arcadas de sustentación nos hipocaustos ou para pavimentar chans. Os teitumes de madeira das casas cubríanse con dous elementos de construción complementarios: a tella plana e rectangular (tegula) e a tella curva en media caña (imbrice). Para a construción das canalizacións na distribución de auga na cidade, os romanos adoitaban empregar tuberías de chumbo (fistulae plumbeis), aínda que de uso moi restrinxido, pero tamén podían ser de pedra ou cerámica. |