Pilastra de cancel visigótica procedente da igrexa parroquial de As Saamasas. Podería relacionarse coa fase antiga do mesmo edificio.
As Saamasas, posible evolución de Sanctae Masae (reliquias de santos), entre outras opcións, parece ser un hagiotopónimo relacionado coa presenza de reliquias sacras. Neste lugar constrúese durante os séculos VI e VII, polos menos, un complexo monacal, en calquera caso relixioso, de cuxo templo restan signos evidentes, tanto in situ como no Museo Diocesano e Catedralicio. Consérvanse dentro do mesmo templo unha placa de cancel enteira e vestixios de dúas pilastras de apoio. Esta é unha delas. É de mármore do país (O Incio) e posúe forma rectangular. Esta pilastra de cancel está fragmentada e posúe actualmente 75 x 44 cm, consistindo a súa decoración nunha palma vertical con follas en relevo apoiada nun pé do que saen froitos piriformes, quedándose enmarcada polas bandas laterais mais estreitas decoradas con follas de viña onduladas. Talla a bisel, ancorada na tradición galaico-romana, utilizando unha talla plana e naturista.