| Cerámica: Ánforas |
|
As ánforas son contedores estandarizados que se empregaban para o transporte naval de diversas mercadorías: viño, aceite, salgaduras (garum) e outros produtos, nun principio alleos á rexión. O seu estudo é unha axuda inestimable para o mellor coñecemento do complexo mundo do comercio en época romana. A través dos restos anfóricos podemos coñecer a chegada á nosa cidade de viño, quizais de procedencia itálica ou da importación de aceites e o garum da Bética, ou aínda doutros moito máis exóticos, como certo tipo de aceite do mar Negro ou o Exeo; xa que para cada un destes produtos se empregaba un contedor anfórico diferente. Este tipo de recipientes son moi abundantes en Lucus Augusti durante todo o século I d.C., especialmente na súa primeira metade, destacando entre todos eles as ánforas do tipo Haltern 70. |