|
||||||||||||||||||||||||||||||
Puñal de ferro, do cal se conservou a súa folla cunha espiga no seu extremo proximal destinada a servir como elemento de ensamblaxe da empuñadura perdida. A peza conserva unha lonxitude de 21,4 cm, dos cales 4 cm corresponden á espiga que se atopa dobrada sobre a folla. Unha sinxela e pouco pronunciada nervadura percorre o eixo do puñal o cal lle proporciona unha sección lixeiramente romboidal. O grosor da folla oscila entre os 0,3-0,5 cm. O puñal posúe unha anchura de 5,5 cm na parte máis próxima á espiga e vai reducíndose ata conseguir na metade da folla 4,5 cm de ancho. A partir desta zona iníciase un lixeiro estreitamento dos fíos cara á súa punta. Esta acentúase formando un triángulo equilátero de 1 cm de lado.
O puñal (pugio) utilizábase como complemento da espada curta (gladius) nos combates corpo a corpo, nos cales os soldados romanos non tiñan practicamente rival na súa época. O soldado levábao colgando dun cinto de coiro no lado esquerdo do seu corpo, portando a espada, suxeita a outra correa de coiro, no seu lado dereito. Á marxe do seu emprego en combate, o puñal puido utilizarse noutras actividades da vida cotiá como, por exemplo, a caza.