| Espectáculos e xogos |
|
A existencia de edificios para espectáculos públicos en Lucus Augusti (teatro, anfiteatro ou circo), é algo que, a día de hoxe, aínda está por determinar. Non obstante o achado dalgúns materiais relacionados con este tipo de espectáculos ou con representacións alusivas a estes, suscita algunhas interrogantes sobre a súa existencia. Neste sentido, o achado de tres máscaras de terracota, habitualmente empregadas nas representacións teatrais, podería suxerir a presenza dun teatro en Lucus Augusti. De igual modo, as representacións gladiatorias en lucernas, son unha boa proba da popularidade que acadaron os espectáculos de gladiadores na sociedade romana, que ía máis alá da simple diversión, converténdose en medios de propaganda política ou foros onde expresar o descontento popular. Sen que poidamos descartar a existencia de espectáculos públicos en Lucus Augusti, como manifestacións dunha forma de evasión máis culta, a maioría dos lucenses da época ocuparían o seu tempo libre dedicados a actividades máis lúdicas como os xogos de azar ou estratexia, polos que os romanos, de todalas clases sociais, sentían auténtica paixón. Os xogos de mesa que se xogaban con taboleiros e fichas e os dados ou as tabas, eran os que despertaban máis interese. Moitos destes xogos podíanse practicar en calquera parte e diariamente, a pesar de que as apostas nos xogos de azar estaban prohibidas, a excepción dalgúns días festivos, como nas festas Saturnales (finais de decembro). |