Escalpelo formado por un mango cunha barra de sección octogonal, en cuxo rebaixe do extremo superior se conserva a parte baixa da folla de ferro, que era intercambiable. O extremo oposto e inferior é unha lámina alongada lanceolada, en forma de folla de oliveira,rematada nunha pequena esfera.
Este instrumento (scalpellum) empregábase en cirurxía, como bisturí, xa que levaba unha folla cortante de ferro intercambiable. O extremo espatulado responde á ambivalencia que caracteriza ao instrumental médico-cirúrxico romano, podendo ter sido utilizado tanto como instrumental médico, ou tamén para realizar misturas ou a aplicación de produtos líquidos ou untuosos.