| Numismática |
|
A primeira moeda coñecida en Lucus Augusti é a caetra, cuñada probablemente no terreo lucense entre os anos 25-23 a.C. para sufragar os gastos das guerras de Roma contra Cántabros e Astures. Tras a fundación da cidade, Lucus intégrase plenamente no sistema monetario romano. Nas primeiras décadas da súa existencia constátase abundante moeda procedente dos centros emisores do Val do Ebro (Celsa, Calagurris, Turiaso ). Durante esta época os valores presentes na circulación, como os ases (bronce), acadan unha gran representación, seguidos a gran distancia polos denarios (prata) e dupondios (bronce), sendo menos abundantes os áureos. Entre as unidades máis baixas imponse o sestercio, unha moeda de latón equivalente a catro ases. Coa reforma monetaria do emperador Diocleciano (294 d.C.), intenta poñerse un pouco de orde na crise monetaria, creando novas moedas como o antoniniano, múltiplo do denario, feita en bronce con baño de prata. A comezos do século IV d.C. prodúcese unha importante tendencia inflacionista e as moedas desta época, como o follis (pequeno bronce), sofren sucesivas desvalorizacións. No derradeiro terzo do século IV e principios do V d.C., empezan a aparecer gran cantidade de tesouriños ou depósitos monetarios agochados como consecuencia da inseguridade creada polas invasións. |