| Vidros |
|
Baixo o Imperio Romano, a arte do vidro perfecciónase e espállase, grazas á invención do vidro soprado que permite unha produción máis rápida. En Lugo, temos unha abundante mostra de vidros, pero debido ao seu alto grao de fragmentación, resulta difícil a súa adscrición tipolóxica. Durante os dous primeiros séculos apréciase un escaso número e variedade de formas, que proceden polo xeral de Italia ou de zonas da súa influencia (val do Ródano, Suíza). Son característicos desta etapa, as botellas cuadrangulares e os denominados cuncos de 'costela', por non mencionar as abundantes mostras de vidro de ventá, en moitos casos asociados a instalacións termais. En época serodia, o vidro convértese nun obxecto de baixo custo económico e moi cotián, diferenciándose a produción con respecto aos modelos precedentes. Tecnicamente trátase de vidro soprado, xeralmente de baixa calidade, con numerosas burbullas e estrías. Predominan as cores verde oliva ou amareladas e os vidros incoloros ofrecen un aspecto leitoso. A decoración é agora máis rica, aparecendo de forma especial, figuracións gravadas. |