Fragmento pertencente a unha das bandas decorativas do mosaico descuberto na rúa Doutor Castro que formaba parte da denominada Domus Oceani.
É unha composición florida en cuadriculado de círculos e de fusos dentados tanxentes, os círculos flanqueados por oxivas, deixando entrever cruces fusiformes e os intervalos en cruces de Malta recargadas cun octógono curvilíneo inscrito. No centro da circunferencia un motivo floral consistente nun florón de catro pétalos e pistilos, polícromo, alternando as cores. Os octógonos con nó de Salomón polícromo sobre fondo branco, no centro.
A composición debemos relacionala coa serie de mosaicos florais de Timgad (Arxelia), onde atopamos os mesmos motivos.