|
||||||||||||||||||||||||||||||
Cunco de perfil curvo da forma Drag. 37 t. Colo exvasado, bordo curto de sección angular e pé case inexistente. A decoración, a molde, correspóndese co “primeiro estilo” proposto por Mayet (1984) e desenvólvese en dous frisos delimitados por pequenas acanaladuras ou baquetóns. En ambos xógase cunha sucesión de pequenos círculos e rosáceas, así como un elemento separador que consiste nunha liña vertical en zig- zag. Conserva un grafito co alfa e o omega.
A terra sigillata hispánica tardía segue sendo unha vaixela fina de mesa que se mantén na tradición da sigillata altoimperial, aínda que con moitos cambios técnicos, formais e decorativos que se van producindo ao longo do século III. Nas primeiras décadas do século IV a produción xa está totalmente caracterizada. Fabrícase en talleres do val do Ebro e Douro, e o seu principal ámbito de expansión prodúcese pola metade setentrional da Península Ibérica. En Lucus Augusti está moi ben representada con pratos, cuncos e xerras.